O BNG chama as veciñas do Porriño a secundar a folga do 8 de marzo en reivindicación dos dereitos da muller

8 marzo

A través dunha moción presentada para ser debatida no pleno da Corporación, o grupo municipal do BNG, fai un chamamento a todas as veciñas do Porriño para que secunden a folga internacional de reivindicación feminista convocada para o xoves 8 de marzo.

O BNG chama as veciñas do Porriño a secundar a folga do 8 de marzo en reivindicación dos dereitos da muller

A situación de desigualdade, precariedade, violencia e marxinación en que viven moitas mulleres no mundo non é unha realidade descoñecida tampouco no Porriño. Unha das principais denuncias do colectivo feminista é precisamente a fenda salarial, a desigualdade económica entre as traballadoras e os traballadores. No Porriño hai agora un total de 1.618 persoas no paro, das que 950 son mulleres. A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións.

O BNG súmase ás denuncias e demandas que fundamentan a folga do 8 de marzo. Por exemplo, o feito de que sexan as mulleres as que asuman o coidado dos fillos, das persoas dependentes ou tarefas domésticas, renunciando para iso ao seu traballo. Así, son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes. “As mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados do noso país, como a conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención de Xunta e Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres”, denuncia o BNG. E anima a participar na folga porque “a convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo”.

Na moción presentada para o debate no pleno, a formación nacionalista propón que o Concello do Porriño apoie a convocatoria desta folga de mulleres prevista para o 8 de marzo e que realice “un chamado a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria”.

O BNG chama as veciñas do Porriño a secundar a folga do 8 de marzo en reivindicación dos dereitos da muller